sábado, 26 de diciembre de 2015

CRÓNICA

Aquí iniciamos unha crónica preguizosa na que vou prescindir de topónimos agás tres relevantes desta trama: Espasante, inicio, Loiba, protagonista e Praia de Esteiro, final.

A ruta empezou con saúdos amistosos a un cocho...

Bueno...a dous cochos

Un en carne e óso e un feito en pedra imperdurable

Os dous tiñan unha campá pendurando do pescozo e representan esa tradición de San Antón, con este cocho coidado e alimentado pola comunidade. O que non me quedou moi claro é se este porco tan amistoso é indultado algún ano o seu fin é sempre dar xamóns e chourizos.

Empezamos con un "tobogán" de terra e cordas no que era doado esvarar pero que non respondía á tónica xeral da ruta. Era doada? si, temos que recoñecer que na maioría dos tramos disfrutábase dunha auténtica "autoestrada sendeirista" moitas veces apta para vehículos de catro rodas, o perfil do camiño agás no inicio foi bastante chá case sempre ao son do mar.

O espectáculo da ruta, o máis rico era o épico combate entre a pedra e a auga na que asistimos como privilexiados espectadores. Esa pugna entre o embate perpetuo do forza do mar e a costa resistente e orgullosa ten o máximo esplendor nos cantís de Loiba. A barreira pétrea amosa as lendarias feridas, feridas fermosas que desde o inicio dos tempos o mar moldea incansable. Si a praia das Catedrais sustenta esa inmensa fama na comparación cun templo de pedra, os cantís de Loiba son unha cidade inmensa e monumental: arcos, capiteis, columnas, torres, lanzas ameazantes que como aguillóns ameazan a serenidade do ceo azul Unha cidade entre terra e mar na que te sentes sobrecollido con tanta fermosa espuma rodea pedras que nadan imposibles para volver a pertencer á rochas ás que se separaron hai miles de anos.

Si, un entende ante todo este escenario circular que rodea 360º a nosa pupila asustada, a anécdota dun banco se convertera en atracción popular. Vemos unha señora que alguén bautizou como, avoa de Loiba, explica, comparte, suxire coñecer os secretos de beleza ante a nosa ilusión impaciente. Probablemente nin os máis vellos do lugar están afeitos a este espectáculo que se renova en cada lúa,, en cada marea.

Ao final chega Esteiro, un areal paradisíaco, hoxe e sempre pero a area parece máis dourada con esta primavera de decembro, Un surfer loita en solitario con ondas de suave rompente, na curva do areal aparecen decorando centenares de gaivotas, inmóbiles como unha colonia de plantas, redondas e brancas. Vemos a meta desexando máis, querendo volver coa cámara a rexistrar o detalle que o ollo non ve e a alma presinte.

Dicía Joseph Conrad que era vendo o océano como un se daba conta da idade da Terra. Como visitantes desta cidade monumental dámonos conta da Idade da Terra e da súa beleza tallada na pedra día a día



Suso Rubio